Categorías
Novas

Publicados os nomes das artistas participantes nas II Residencias Literarias «Ámeto Mítico»

Dende a Fundación Uxío Novoneyra vimos de resolver a segunda edición de residencias «Ámeto Mítico» no Camiño de Santiago para este mes de setembro de 2021, un proxecto integrado dentro da programación «O Teu Xacobeo» da Xunta de Galicia.

Arancha Nogueira, Luís López Alonso, Laura Casielles, Clara Burghelea, Adam Wyeth e Agnes Marton son as/os poetas elixidas/os para participar nas residencias itinerantes internacionais que se celebrarán entre o 16 e o 30 de setembro.

Durante 15 días as participantes peregrinarán entre O Cebreiro e Santiago de Compostela dedicadas a desenvolver composicións de temática xacobea que máis tarde compartirán con alumnos de seis centros educativos. Ao remate da residencia, a FUN compilará nunha edición propia os textos creados.

A experiencia ten como obxectivo dialogar coas tradicións literarias que, como a lírica provenzal e a mística sufí, chegaron ás nosas terras polo Camiño. Recuperar o ámeto mítico que imaxinou Novoneyra na súa obra do mesmo título é a finalidade destas residencias internacionais de escrita que desexan reactivar a temática xacobea para a poesía actual e convidar ao recoñecemento entre as/os mozas/os do Primeiro Itinerario Cultural Europeo.

Felicitacións para as seleccionadas e seleccionados.


As residencias itinerantes «Ámeto Mítico» forman parte da programación cultural da Xunta de Galicia “O Teu Xacobeo”. Esta segunda edición está encadrada no proxecto BE(p)ART – GROW WITH ARTS, unha iniciativa financiada con cargo ao programa Europa Creativa da Comisión Europea. O obxectivo de BE(p)ART é achegar a creación literaria á poboación máis nova e crear novos públicos desde unha metodoloxía participativa e de traballo en rede.

Categorías
Uncategorized @gl

Artesanía de Galicia no Courel

A Fundación Uxío Novoneyra será unha das localización dos obradoiros cos que a Fundación Artesanía de Galicia trasalada ao Courel as súas xornadas de divulgación dos oficios artesanais do país. Do 30 de xullo ao 8 de agosto desenvolveránse 16 obradoiros ao redor de técnicas como a a ourivería, a ilustración, o gravado, o manipulado de papel, a cestería, o bordado, a madeira, a olería, a creación de cianotipias ou a estampaxe.

O programa inclúe tanto obradoiros para os que será necesaria a inscrición previa así coma actividades gratuítas e abertas ao público tanto infantil como adulto. Desenvolveránse na propia Fundación así como en diferentes escolas unitarias do concello de Folgoso do Courel, incluíndo a antiga escola de Parada, casa da poeta e “noiesa do Courel” María Mariño.

Categorías
Uncategorized @gl

Aberta convocatoria II Residencias poéticas «Ámeto Mítico» no Camiño de Santiago

Logo de varios aprazamentos aos que nos vimos obrigados pola situación derivada da COVID-19 por fin actualizamos as datas e abrimos o prazo de presentación de convocatorias.

O noso proxecto de residencias «Ameto Mítico» ten como obxectivo actualizar o legado da poesía trobadoresca galego-portuguesa caracterizada polo influxo da lírica provenzal e doutras influencias que coma a poesía sufí chegaron a terras de Galicia polos camiños de peregrinación xacobea.

Queremos reactivar este legado e acompañar a poetas interesadas/os na experiencia da peregrinación co obxectivo de divulgar o Camiño de Santiago como espazo mítico sobre o que continuar a escribir poesía.

Tomando como inspiración as rutas descritas no libro Arrodeos de Desvíos do Camiño de Santiago, último poemario de Uxío Novoneyra —quen foi tamén recoñecido actualizador da poesía trobadoresca— propoñemos oito (8) residencias de escrita e peregrinación poética pola ruta xacobea en territorio galego.

Esta segunda convocatoria enmárcase no programa «O teu Xacobeo» da Xunta de Galicia e forma parte tamén do proxecto Europa Creativa «BE(P)ART Grow With Arts» buscando achegar a creación literaria ás xeracións máis novas a través dunha metodoloxía participativa e de traballo en redes.

Cando?

As residencias desenvolveránse do 16 ao 30 de setembro de 2021 co seguinte calendario:

  • 16/09/2021 – Chegada das/os poetas ao aeroporto de Lavacolla/estación de tren de Santiago de Compostela e traslado ao lugar do Cebreiro.
  • 17/09/2021 – 21/09/2021: Peregrinación polo Camiño Francés entre o Cebreiro e Santiago de Compostela.
  • 22/09/2021 – 29/09/2021: Lecturas e obradoiros de poesía en 6 centros de ensino de municipios do Camiño Francés e na Fundación Uxío Novoneyra.
  • 30/09/2021: Retorno desde Santiago de Compostela.

A Fundación farase cargo dos gastos da hospitalidade: transporte, aloxamento e manutención das/os poetas durante o período das residencias.

Como participar

As/os poetas interesadas/os en participar deberán enviar ao correo electrónico ametomitico@uxionovoneyra.com antes do 15 de xullo:

  • Carta de interese.
  • Currículo actualizado.
  • Datos de contacto
  • Fotocopia do documento de identidade/pasaporte.
  • Unha mostra mínima da súa poesía publicada (100 versos).

Unha comisión formada por 3 patronas/os e/ou colaboradores/as da Fundación Uxío Novoneyra fallará no mes de xullo os nomes das/os elexidas/os.

A lista de poetas seleccionados publicarase  nas redes sociais da Fundación e nesta páxina web. A Fundación poráse en contacto cos/as elixidos para comunicarlle a súa participación nas II residencias «Ámeto Mítico» no Camiño de Santiago.