Uxío Novoneyra naceu o 19 de xaneiro de 1930 na casa de Parada feita polo seu bisavó durante a terceira guerra carlista (1872-1876). A edificación é unha casa labrega posuidora dun grande valor patrimonial que pon en valor a antiga vida rural dedicada á gandería e a agricultura de subsistencia.

A Casa do Crego ou Casa da Fonte, como a denomina a veciñanza, componse dunha casa vividoira que xira encol dun patio arrodeada de casas anexas (antigas bodega, carpintería, fragua e palleira) e dunha horta aberta sobre o bosque.

O poeta Uxío Novoneyra viviu a meirande parte da súa vida na casa familiar, primeiro cos seus pais, Manuela Neira e José Novo, e logo, e a partir do ano 1973, coa súa dona Elba Rey e os seus tres fillos, Branca Uxío e Arturo. No ano 1983 trasladou a súa residencia a Santiago de Compostela.

A casa, sempre aberta  ás visitas de amigos pintores coma Reimundo e Antón Patiño ou poetas Manuel María e María Mariño, e outros como Carlos Oroza e a súa parella Carmen Latorre que residiron en Parada longas tempadas. Moitas amizades e admiradores visitaron ao poeta na súa casa en Parada do Courel.

Actualmente a casa de Uxío Novoneyra é unha Casa Museo, sede da Fundación Uxío Novoneyra, dedicada a divulgar o legado do poeta a través dun programa visitas guiadas e diversas actividades culturais relacionadas coa súa figura e obra relacionada co seu espazo natural de referencia.

Todos os dereitos reservados