A casa de pedra e cal vella -solaina e ventanas prá serra- feita fai cen anos á miña maneira
A casa de Uxío Novoneyra estivo sempre aberta ás visitas de amigos, veciños e mesmo descoñecidos que se achegaban a coñecer a contorna natural e admirar o fogar do poeta. Hoxe, como sede desta Fundación e como museo vivo, segue sendo o centro de reunión, reflexión e dinamización cultural na serra do Courel que Novoneyra construíu durante a súa vida. Traballamos por coidar os moitos recunchos de historia que agocha a casa e por afondar na radiografía do que foi e do que é, co ánimo de manter en pé as virtudes deste lugar senlleiro.
Uxío Novoneyra naceu o 19 de xaneiro de 1930 na casa de Parada feita polo seu bisavó durante a terceira guerra carlista (1872-1876). A edificación é unha casa labrega posuidora dun grande valor patrimonial que pon en valor a antiga vida rural dedicada á gandería e a agricultura de subsistencia.
A Casa do Crego ou Casa da Fonte, como a denomina a veciñanza, componse dunha casa vividoira que xira encol dun patio arrodeada de casas anexas (antigas bodega, carpintería, fragua e palleira) e dunha horta aberta sobre o bosque.
O poeta Uxío Novoneyra viviu a meirande parte da súa vida na casa familiar, primeiro cos seus pais, Manuela Neira e José Novo, e logo, e a partir do ano 1973, coa súa dona Elba Rey e os seus tres fillos, Branca Uxío e Arturo. No ano 1983 trasladou a súa residencia a Santiago de Compostela.
A casa, sempre aberta ás visitas de amigos pintores coma Reimundo e Antón Patiño ou poetas Manuel María e María Mariño, e outros como Carlos Oroza e a súa parella Carmen Latorre que residiron en Parada longas tempadas. Moitas amizades e admiradores visitaron ao poeta na súa casa en Parada do Courel.
Actualmente a casa de Uxío Novoneyra é unha Casa Museo, sede da Fundación Uxío Novoneyra, dedicada a divulgar o legado do poeta a través dun programa visitas guiadas e diversas actividades culturais relacionadas coa súa figura e obra relacionada co seu espazo natural de referencia.
As cookies necesarias son absolutamente esenciais para que o sitio web funcione axeitadamente. Esta categoría só inclúe as cookies que garanten as funcionalidades básicas e as características de seguridade do sitio. Estas cookies non almacenan ningunha información persoal.
As cookies que poden non ser particularmente necesarias para o funcionamento do sitio web e que se empregan especificamente para recompilar datos persoais do usuario a través de análises, anuncios e outros contidos integrados denomínanse cookies non necesarias. É obrigatorio obter o consentimento do usuario antes de executar estas cookies no seu sitio web.