skip to Main Content

A Fundación Uxío Novoneyra busca poetas que desexen facer o Camiño de Santiago e escribir sobre a peregrinación Xacobea

A Fundación Uxío Novoneyra Busca Poetas Que Desexen Facer O Camiño De Santiago E Escribir Sobre A Peregrinación Xacobea

A Fundación Uxío Novoneyra abre a convocatoria de residencias poéticas «Ámeto Mítico» que forma parte da programación «O Teu Xacobeo»

A Fundación Uxío Novoneyra abre a convocatoria de residencias poéticas itinerantes no Camiño de Santiago, proxecto que forma parte da programación «O teu Xacobeo» impulsada pola Xunta de Galicia.

O proxecto de residencia «Ameto Mítico» da Fundación Uxío Novoneyra ten como obxectivo actualizar o legado da Poesía Trovadoresca Galego-Portuguesa caracterizada polo influxo da lírica provenzal e doutras influencias que coma a sufí chegaron a Galicia polos Camiños Franceses.

Hoxe queremos activar este legado e acompañar a poetas interesadas/os na experiencia da peregrinación co obxectivo de divulgar o Camiño de Santiago como ámeto mítico sobre o que seguir escribindo poesía. Seguindo as rutas do libro «Arrodeos de Desvíos do Camiño de Santiago» do poeta Uxío Novoneyra, recoñecido actualizador da poesía trovadoresca, propoñemos cinco (5) residencias de escrita e peregrinación poética pola ruta xacobea en territorio galego.

As residencias itinerantes desenvolverase entre o 07/10/2019 e o 22/10/2019 co seguinte calendario:

  • 07/10/2019: Chegada das/os poetas ao aeroporto de Lavacolla/estación de tren de Santiago de Compostela e traslado ao lugar do Cebreiro.
  • 08/10 – 16/10/2019: Peregrinación polo Camiño Francés entre o Cebreiro e Santiago de Compostela.
  • 17-23/10/2019: Lecturas e obradoiros de poesía en bibliotecas de catro municipios do Camiño Fracés.
  • 24/10/2019: Retorno desde Santiago de Compostela.

A FUN farase cargo dos gastos da hospitalidade: transporte, aloxamento e manutención das/os poetas durante o período das residencias.

As/os poetas interesadas/os en participar deberán enviar ata o 26/08/2019:

Currículo actualizado, correo electrónico, fotocopia do documento de identidade/pasaporte, unha mostra mínima da súa poesía publicada (100 versos) e carta de interese ao correo electrónico ametomitico@uxionovoneyra.com.

Unha comisión formada por 3 patronas/os da Fundación Uxío Novoneyra fallará en setembro os nomes das/os elexidas/os, información que publicaremos polas redes sociais da FUN e comunicaremos por correo electrónico aos 5 poetas elexidas/os para formar parte das residencias «Ámeto Mítico» no Camiño de Santiago.

Máis información:

Fundación Uxío Novoneyra

  • +34 671445247
  • ametomitico@uxionovoneyra.com
  • @AmetoMitico #OTeuXacobeo #Xacobeo2021

Back To Top